A segunda semana de febreiro comeza da mellor das maneiras: cunha importante baixada no número de casos diagnosticados no municipio, tanto nos últimos 7 días como a 14 xornadas. Así, o número de casos positivos en Boqueixón é actualmente de 35, seis menos ca semana pasada. O descenso do número de casos nas dúas últimas semanas é aínda maior: 72 casos, fronte aos 90 da semana pasada. Aínda así, é pronto para cantar vitoria xa que as incidencias acumuladas continúan por riba dos 250 e dos 500 casos, respectivamente.
Uns bos datos que reflicten a gran baixada experimentada a nivel galego, con case 10.000 altas nas últimas xornadas. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 53.706 deles 11.596 son da área da Coruña, 5.573 da de Lugo, 5.185 da de Ourense, 5.731 da de Pontevedra, 13.724 da área de Vigo, 9.390 da de Santiago e 2.507 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 48 están en UCI, 689 en unidades de hospitalización e 52.969 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 395.178 persoas curadas, rexistrándose 2.976 falecementos.
Aproveitamos para lembrar que a máscara deixará de ser obrigatoria en exteriores esta mesma semana, se ben o Consello Interterritorial de Sanidade recomenda levala se hai aglomeracións. Así mesmo, seguirá sendo obrigatoria en eventos multitudinarios nos que non se manteña a distancia de seguridade. Sobre o día no que entrará en vigor esta relaxación das medidas de control, todo parece indicar que será a partir este xoves 10 de febreiro, xa que a medida será aprobada mañá polo Consello de Ministros e será publicada no BOE do Mércores, polo que entraría en vigor ao día seguinte.