O Concello de Boqueixón vén de rematar as obras de mellora do acceso á Ruta dos Pescadores, no Campo do Río de Ponte Ledesma. Os traballos consistiron en darlle continuidade ao camiño xa existente, que foi prolongado outros 85 metros coa mesma tipoloxía construtiva. Unha actuación na que o Concello de Boqueixón investiu preto de 30.000 euros.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, explica que “con esta actuación queremos mellorar o acceso á ruta dos Pescadores, unha ruta de sendeirismo que discorre a través dun antigo camiño de pescadores entre o Campo do Río de Ponte Ledesma e a área recreativa de Sucira, unha contorna paisaxística de especial beleza e importancia natural xa que se atopa na Zona de Especial Conservación Sistema Fluvial Ulla-Deza”.
O novo itinerario construído parte do tramo xa existente e que sae da base da Ponte Ledesma. Consta dunha banda central de pavimento de granito abuxardado de 60 centímetros de ancho e delimitado cun bordo tamén en granito. Así mesmo, acondicionouse unha franxa lateral de 50 centímetros de ancho entre o pavimento e os muros existentes.
A Ruta de Pescadores parte de Ponte Ledesma, un núcleo poboacional cun conxunto etnográfico moi importante: Igrexa Divino Salvador de Ledesma, a Ponte Vella de Ledesma e as Ínsuas de Gres sobre o Ulla. Percórrense 9,6 km de dificultade media-baixa dunha antiga ruta de Pescadores, tramo da Rede Natura 2000 e espazo natural protexido, ata a parroquia de Donas. A ruta ten continuidade pola ruta do Río Grande, que leva á Capela de San Paio en Codeso, rematando nunha fervenza de 7 metros de altura.