Os datos da pandemia deste venres 4 de febreiro danlle un descanso a Boqueixón, que practicamente copia os datos da xornada anterior: 41 casos positivos a 7 días e 90 a 14 días. Pola contra, Galicia medra noutras 425 persoas o número de casos positivos a día de hoxe.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 62.141 deles 13.452 son da área da Coruña, 6.429 da de Lugo, 6.028 da de Ourense, 6.504 da de Pontevedra, 16.299 da área de Vigo, 10.511 da de Santiago e 2.918 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 41 están en UCI, 627 en unidades de hospitalización e 61.473 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 376.027 persoas curadas, rexistrándose 2.961 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.582.680. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.448.311.
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública aconsellan adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
Tamé é importante procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade e o uso axeitado da máscara.