O Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela acolleu a presentación do libro “Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro”, libro que recolle o traballo histórico desta nova ruta xacobea que pasa por Boqueixón. Un libro que vén a sumarse á documentación oficial xa presentada por esta ruta no ano 2019 para a súa avaliación e recoñecemento oficial por parte da Consellería de Cultura.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, asistiu á presentación deste riguroso e meticuloso estudo histórico de máis de 300 páxinas que demostra o carácter xacobeo do Camiño Miñoto Ribeiro, que enlaza Braga con Santiago de Compostela. Canda el asistiron Cecilia Pereira Marimón, comisaria do Xacobeo 2021 e conselleira delegada da S.A. do Plan Xacobeo; Francisco José Prieto, bispo auxiliar de Santiago de Compostela; Avelino De Francisco, presidente da Asociación dos concellos do Camiño Miñoto Ribeiro; David González, presidente da Asociación de amigos do Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro e Cástor Pérez, historiador e coautor do libro.