O mes de febreiro mantén a boa tendencia amosada na última semana por xaneiro e os casos positivos de Covid a 7 días continúan baixando. Hoxe, martes 1 de febreiro, o número de casos diagnosticados en Boqueixón no últimos 7 días é de 32, cinco menos ca onte. Outra boa nova chega dos casos a 14 días, que se manteñen nos 95 de onte. En ambos os dous casos, as incidencias continúan por riba dos 250 e dos 500 casos, respectivamente.
Unha tendencia á baixa que tamén atopamos a nivel autonómico, que está a piques de baixar dos 60.000 casos activos. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 60.720 deles 13.323 son da área da Coruña, 6.205 da de Lugo, 6.129 da de Ourense, 6.785 da de Pontevedra, 15.661 da área de Vigo, 9.703 da de Santiago e 2.914 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 41 están en UCI, 663 en unidades de hospitalización e 60.016 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 360.814 persoas curadas, rexistrándose 2.939 falecementos.
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública aconsellan adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano (preferentemente desbotable) ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade e o uso axeitado da máscara.