Sogama rebaixará este ano o canon que aplica aos concellos adscritos ao seu sistema ata nun 21%, unha medida que se traducirá nun importante aforro para os galegos, cuantificado en máis de 11 millóns de euros. Así o confirmou esta mañá o presidente de Sogama, Javier Domínguez, quen mantivo unha reunión co alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, un dos municipios que se beneficiaron o ano pasado da bonificación do canon ao conseguir certificar a consecución dos obxectivos fixados en materia de produción e reciclaxe de residuos.
De feito, Domínguez salientou que os veciños e veciñas de Boqueixón reduciron nun 3,6% a produción de todo tipo de lixo e incrementaron nun 17% a reciclaxe dos residuos. “Estanse facendo ben as cousas en Boqueixón”, asegurou o presidente de Sogama.
Pola súa banda, Manuel Fernández Munín agradeceu a visita do presidente de Sogama pois “tomámolo como un recoñecemento ás campañas de concienciación que estamos desenvolvendo no Concello de Boqueixón durante estes últimos anos”. Así mesmo, agradeceu “primeiro aos veciños e veciñas de Boqueixón pola súa boa resposta á hora de reducir, reutilizar e reciclar o lixo que producen, co que axudan a conservar o noso medio natural e tamén lle aforran uns cartos a este Concello que poden ser investidos na mellora doutros servizos”.
Baixada do canon
Sobre a baixada do canon, Javier Domínguez indicou que Sogama vaino rebaixar aos 295 concellos adscritos ao seu sistema nun 5%, o que suporá pasar dos 69,48 €/tonelada de 2021 aos 66,00 €/tonelada do presente exercicio. Así mesmo, manterá a bonificación do 10% aplicada desde fai xa tres exercicios a aqueles entes locais que, téndoa solicitado, acrediten o cumprimento dos requisitos esixidos, isto é, promover a menor produción de residuos e/ou a reciclaxe dos envases lixeiros depositados no contedor amarelo, e trasladar a rebaixa aos recibos dos cidadáns. Neste caso, o canon situarase en 59,40 €/tonelada.
Tendo en conta estas dúas deducións e que, adicionalmente, Sogama non aplicará o IPC correspondente a 2022 —6,5%—, a rebaixa total podería chegar ao 21%, o que se traducirá nun importante aforro para os galegos. Así se recolle na resolución publicada hoxe no DOG sobre o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos e a bonificación deste ano.
Balance axudas 2021
Un total de 165 concellos solicitaron en 2021 a bonificación do 10% do canon, dispoñendo de prazo ata o próximo 1 de marzo para certificar a aplicación das medidas referenciadas. En termos xerais, esta rebaixa, aplicada durante tres anos consecutivos, supuxo ata o de agora un aforro para os galegos de máis de 9 millóns de euros.
O obxectivo da Xunta con esta bonificación e a redución adicional fixada para este ano é, máis alá de contribuír a aliviar a presión sobre a economía das familias, golpeadas pola crise da covid e o aumento do prezo de distintos servizos como a electricidade, compensar o negativo impacto que terán os impostos impulsados polo Goberno central e que gravarán o uso do vertedoiro e a propia valorización enerxética.
A decisión estatal contrasta, ademais, co feito de que esta última se contempla na normativa vixente como a mellor opción de tratamento para aqueles residuos que non se poden reciclar, permitindo diminuír ao máximo o depósito en vertedoiro, que sería o menos desexable debido aos seus perniciosos efectos sobre a contorna e a saúde pública.
Cunha porcentaxe media de vertido en España estancada no 54%, o Goberno central decidiu gravar tamén a valorización enerxética, mesmo en plantas de alta eficiencia como a de Sogama, cando nos países do norte de Europa —os máis avanzados e comprometidos co medio ambiente—, os altos índices de reciclaxe e de recuperación enerxética da parte non reciclable posibilitan que as taxas de vertido se sitúen entre o 1 e o 4%.
Investimentos orientados á sustentabilidade
A Xunta avanza na súa estratexia de economía circular, realizando importantes investimentos cos que prevé incrementar de forma substancial as taxas de reciclaxe. A tal fin e no marco das directrices europeas, canalizará a través de Sogama a execución dunha rede de infraestruturas para a xestión e o tratamento da materia orgánica, axudando aos concellos, que teñen a competencia en residuos, a implantar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada da fracción orgánica a través do quinto contedor.
Esta rede estará conformada por catro plantas de biorresiduos en Cerceda, na Coruña —xa en funcionamento—; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense —cuxas obras acaban de ser adxudicadas nos tres casos—. Á súa vez, estas instalacións contarán co apoio de 13 plantas de transferencia, que se dotarán dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica, facilitando o seu transporte. A previsión é que esta rede, á que se destinará un investimento de 38,6 millóns de euros, entre en funcionamento a finais do ano en curso.
Neste sentido, cómpre lembrar que, no período 2017-2022, Sogama investiu 90 millóns de euros para optimizar o servizo que presta a máis de 2,2 millóns de galegos. Así, destacan a ampliación do complexo de Cerceda, coa construción dunha planta de recuperación de materiais reciclables contidos no lixo en masa; a incorporación das últimas tecnoloxías para obter a máxima eficiencia; a promoción do ferrocarril, un transporte sostible para os residuos; o selado do 90% do vertedoiro de Areosa; e a adopción de cantas medidas resulten necesarias para levar a cabo unha actividade respectuosa co medio ambiente.