Este xoves 27 de xaneiro trae boas novas na evolución da incidencia do virus xa que, por vez primeira nesta sexta onda, Boqueixón encadea dous días seguidos de baixadas de casos diagnosticados tanto a 7 como a 14 días. Así, o número de casos positivos nestes momentos é de 50, sete menos ca onte. A 14 días, baixamos por fin das tres cifras: 93 casos, oito menos ca onte. Aínda así, as incidencias acumuladas para o concello continúan disparadas: máis de 250 e máis de 500 casos para os últimos 7 e 14 días, respectivamente.
Pola contra, Galicia rexistra un lixeiro repunte de apenas cincocentos casos. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 66.364 deles 14.402 son da área da Coruña, 6.710 da de Lugo, 6.813 da de Ourense, 7.627 da de Pontevedra, 17.313 da área de Vigo, 10.289 da de Santiago e 3.210 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 48 están en UCI, 597 en unidades de hospitalización e 65.719 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 329.880 persoas curadas, rexistrándose 2.902 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.531.043. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.344.959.