Novo ascenso das cifras da Covid-19 en Boqueixón. Os datos deste martes 25 de xaneiro inclúen sendos ascensos, tanto no número de casos diagnosticados a 7 días (63, cinco máis ca onte luns) como a 14 días (110, dous máis). As incidencias acumuladas continúan por riba dos 250 e dos 500 casos, respectivamente.
Estas dúas xornadas de subidas en Boqueixón contrastan coas dúas baixadas seguidas dos casos a nivel Galicia. Así, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 67.350 deles 14.415 son da área da Coruña, 6.871 da de Lugo, 7.045 da de Ourense, 7.920 da de Pontevedra, 17.578 da área de Vigo, 10.288 da de Santiago e 3.233 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 50 están en UCI, 588 en unidades de hospitalización e 66.712 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 315.869 persoas curadas, rexistrándose 2.893 falecementos.
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade aconsellan adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade e o uso axeitado da máscara.