Pechamos semana cunha boa nova: por primeira vez nas últimas dúas semanas, o número de casos positivos por Covid-19 en Boqueixón baixa dos 40 casos, concretamente 39 casos diagnosticados nos últimos 7 días. Pola contra, continúa medrando o número de casos a 14 días: 96, catro máis ca onte xoves.
A nivel Galicia, os casos continúan subindo. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 78.692 deles 16.187 son da área da Coruña, 8.049 da de Lugo, 8.242 da de Ourense, 9.260 da de Pontevedra, 20.899 da área de Vigo, 12.095 da de Santiago e 3.960 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 53 están en UCI, 507 en unidades de hospitalización e 78.132 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 283.323 persoas curadas, rexistrándose 2.868 falecementos.
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública volven aconsellar adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans. É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade e o uso axeitado da máscara.