O mércores 19 de xaneiro volve traer bos datos da evolución da pandemia en Boqueixón, onde os casos diagnosticados nos últimos 7 días volve descender por cuarto día consecutivo ata os 42 casos, cinco menos ca onte martes. Pola contra, o número de casos nos últimos 14 días mantense nos 83. Aínda así, a incidencia acumulada continúa sendo preocupante: máis de 250 casos a sete días e máis de 500 casos a catorce días.
Pola contra, o número de casos activos en Galicia volve a subir despois de tres días de descenso. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 75.961 deles 15.388 son da área da Coruña, 7.745 da de Lugo, 8.229 da de Ourense, 8.908 da de Pontevedra, 20.348 da área de Vigo, 11.365 da de Santiago e 3.978 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 55 están en UCI, 553 en unidades de hospitalización e 75.353 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 273.086 persoas curadas, rexistrándose 2.858 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.479.139. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.147.679.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número 881 54 00 45 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Ademais, o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.