O Concello de Boqueixón informa de que a Xunta de Galicia convocou hoxe dúas liñas de axudas dirixidas a particulares e a Concellos para executar actuacións que permitan corrixir os impactos paisaxísticos causados polo paso do tempo ou unha mala conservación en vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais. Os particulares que se acollan ao programa terán acceso a un máximo de 3.000 euros, mentres para as entidades locais a subvención poderá chegar ata os 40.000 euros.
As axudas convocadas ascenden a 1,6 millóns de euros, aínda que esta dotación inicial será ampliada ata chegar aos 2 millóns de euros (1,2 millóns de euros para os particulares e 800.000 euros para os concellos). En canto á presentación das solicitudes, o prazo abrirase este xoves 20 de xaneiro e rematará o vindeiro 19 de febreiro, no caso das axudas dirixidas a particulares, e o 28 de febreiro no caso dos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Actuacións subvencionables e tipos de edificacións
Entre as actuacións subvencionables inclúense, no caso dos propietarios particulares, obras de revestimento e pintura de fachadas sen rematar, renovación dos acabados e remates exteriores de edificacións e vivendas (tamén das cubertas), acondicionamento de peches de fincas e muros de cerramento ou substitución de celosías.
En canto ás subvencións para Concellos de menos de 20.000 habitantes, poderán pedir ata dúas axudas, unha por cada liña: a Liña I, dirixida a actuar sobre o exterior de edificios ou dependencias de tipo sanitario, educativo, cultural ou administrativo-institucional; e a Liña II, pensada para recuperar equipamentos e elementos de uso público (fontes, palcos de música, lavadoiros e hórreos) que debido ao desuso ou a unha deficiente conservación teñan un impacto indesexable sobre a súa contorna.
O balance das dúas primeiras ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos foi de máis de medio milleiro beneficiarios (445 familias e 66 concellos) que recibiron axudas por un importe total de 2 millóns de euros e permitiron intervir nun total de 222 municipios galegos. Ademais, tendo en conta que a achega da Xunta cubre o 70% da actuación, estímase que grazas a estas subvencións o ano pasado se mobilizou en Galicia un investimento total de 2,9 millóns de euros.