Boqueixón sigue a tendencia á baixa marcada polo conxunto de Galicia e, por terceiro día consecutivo, recolle un descenso no número de casos diagnosticados a 7 días: 47, tres menos ca onte. En canto aos casos diagnosticados a 14 días, mantense a cifra no 82. As incidencias acumuladas continúan moi por riba do recomendado: máis de 250 e máis de 500 casos, respectivamente.
A nivel Galicia, descende o número de casos positivos por terceiro día consecutivo. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 73.688 deles 14.930 son da área da Coruña, 7.557 da de Lugo, 8.178 da de Ourense, 8.567 da de Pontevedra, 19.489 da área de Vigo, 11.023 da de Santiago e 3.944 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 53 están en UCI, 549 en unidades de hospitalización e 73.086 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 268.742 persoas curadas, rexistrándose 2.856 falecementos.
Os técnicos aconsellan adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans. É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. E non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade e o uso axeitado da máscara.