A Xunta vén de renovar a orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria, publicada no Diario Oficial de Galicia, e na que o Goberno galego incrementa o orzamento nun 20%, ata acadar os 3 millóns de euros, na súa aposta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega. A orde, en réxime de concorrencia competitiva, establece as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2022 dentro do plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
Para os efectos desta orde, considéranse subvencionables os seguintes proxectos:
- Obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade desenvolve a súa actividade.
- Adquisición de equipamentos básicos dos locais, necesarios para o funcionamento ordinario da entidade (mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático e audiovisual) e adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non terá carácter básico.
- Obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas. En calquera caso, só serán subvencionables os proxectos operativos, é dicir, aqueles que conteñen os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron solicitados.
Non son subvencionables os gastos correntes das entidades, tales como material funxible, luz, auga, teléfono, alugueiros de locais e similares, nin a adquisición de elementos decorativos ou ornamentais ou a compra de teléfonos móbiles.
Contías
A contía das axudas pode acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos. O orzamento total é de 3 millóns de euros, un 20% máis que no 2021, cando se elevaba a 2,5 millóns.
As entidades beneficiarias deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais. No caso das comunidades de usuarios de auga deben estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de augas como titulares do aproveitamento de augas para o que solicitan a subvención. Os solicitantes teñen un mes para tramitar as peticións, a partir do día seguinte á publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (14 de xaneiro).
Adxuntos
- AsociacionVecinos (864 kB)