Este xoves 13 de xaneiro trae moi malos datos para Boqueixón, que non só rompe a tendencia á baixa dos últimos días senón que duplica o número de casos positivos en tan só 24 horas. Así, a día de hoxe o número de casos diagnosticados no municipio é de 47, fronte aos 20 contabilizados onte mércores. No caso da incidencia a 14 días, tamén medra e pasa dos 59 de onte aos 81 rexistrados hoxe.
Pola contra, Galicia rexistra unha importante baixada no número de casos. Así, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus é de 59.451 (fronte a 76.276 casos de onte). Deles 11.893 son da área da Coruña, 6.317 da de Lugo, 7.738 da de Ourense, 6.610 da de Pontevedra, 14.074 da área de Vigo, 9.173 da de Santiago e 3.646 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 57 están en UCI, 457 en unidades de hospitalización e 58.937 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 248.490 persoas curadas, rexistrándose 2.832 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.440.648. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.069.676.
A Xunta reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente. Por iso procederá a elaborar un protocolo especial para o entroido e acaba de decidir cinguir a limitación horaria de reunións de non conviventes entre as 3,00 horas e as 6,00 horas, en espazos públicos e privados, aos xoves, venres e sábados (actualmente era a toda a semana).