A Casa da Cultura de Camporrapado acolleu a tradicional recepción dos Reis Magos, na que participaron preto de 150 persoas. Unha actividade na que tomaron parte unicamente nenos e nenas empadroados en Boqueixón, ou matriculados nun centro educativo do municipio, cuxas familias rexistraran a súa participación na web municipal.
Previamente tivo lugar o divertido espectáculo “Os tres porquiños”, unha obra musical con bonecos a tamaño real da compañía EducaTeatro Producións, e o tradicional sorteo de agasallos, en colaboración con SBC Gasolineras. Despois, a cativada puido saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar, así como recordarlles os agasallos que lles enviaran por carta e levar para casa unhas lambetadas.