Boqueixón conta, a día de hoxe 7 de xaneiro, con 30 casos diagnosticados nos últimos sete días, o que supón continuar coa tendencia de baixada iniciada esta semana. De feito, entre este luns 3 de xaneiro e hoxe venres hai unha diferencia de 20 casos menos, ao pasar de 50 a 30. Un dato positivo que, porén, non supón un descenso na incidencia acumulada para o concello nos últimos 7 días, que se mantén en máis de 250. Outro dato positivo é que tamén remata o repunte de casos a 14 días, que baixa ata os 70, tres casos menos co mércores. A incidencia acumulada para o concello a catorce días continúa superando os 500.
Por outra banda, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 61.635 deles 11.597 son da área da Coruña, 6.182 da de Lugo, 7.454 da de Ourense, 7.494 da de Pontevedra, 13.559 da área de Vigo, 11.355 da de Santiago e 3.994 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 51 están en UCI, 343 en unidades de hospitalización e 61.241 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 210.078 persoas curadas, rexistrándose 2.805 falecementos.
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade reiteran as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e aconsellan:
- extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano (preferentemente desbotable) ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans
- procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.
- manter a distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.