A Xunta de Galicia comezará mañá martes, 4 de xaneiro, a administrar un total de 36.271 doses contra a covid-19, á poboación con idades comprendidas entre os 7 e os 9 anos. Tras recibir unha nova partida de vacinas por parte do Ministerio de Sanidade, na área sanitaria da Coruña e Cee vacinarase a 7.920 persoas; 2.159 na de Ferrol; 3.960 na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 3.512 na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 4.320 na área de Pontevedra e O Salnés, 6.120 na de Santiago de Compostela e A Barbanza e, finalmente, 8.280 na área sanitaria de Vigo.
A día de hoxe, 3 de xaneiro, Boqueixón conta con 50 casos diagnosticados no últimos 7 días, o que supón unha incidencia acumulada de máis de 250. No caso dos últimos 14 días, o número de casos positivos é de 68 e a incidencia acumulada para o concello supera os 50o.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 49.988 deles 9.065 son da área da Coruña, 4.677 da de Lugo, 5.421 da de Ourense, 6.489 da de Pontevedra, 11.849 da área de Vigo, 9.297 da de Santiago e 3.190 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 53 están en UCI, 331 en unidades de hospitalización e 49.604 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 204.005 persoas curadas, rexistrándose 2.770 falecementos.
Os técnicos reiteran as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que se aconsella: extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente (especialmente despois de tusir ou soarse), cubrir o nariz e a boca cun pano desbotable ao tusir ou esbirrar (se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado), procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores (optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións), manter a distancia de seguridade e usar de forma axeitada a máscara.