O Concello de Boqueixón informa de que hoxe xoves 30 de decembro o noso municipio conta con 37 novos casos diagnosticados nos últimos 7 días, o que supón tres casos máis ca onte e nos mantén cunha incidencia acumulada de máis de 250. Así mesmo, o número de casos diagnosticados nos últimos 14 días ascende a 49, sete máis ca onte, o que nos mantén nunha incidencia acumulada superior a 500. Dende o Concello de Boqueixón desexámoslles unha pronta e total recuperación.
A nivel Galicia, a Consellería de Sanidade informa que o número de casos activos é de 36.909 deles 6.638 son da área da Coruña, 3.149 da de Lugo, 3.905 da de Ourense, 4.993 da de Pontevedra, 9.345 da área de Vigo, 6.738 da de Santiago e 2.141 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 50 están en UCI, 271 en unidades de hospitalización e 36.588 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 199.549 persoas curadas, rexistrándose 2.760 falecementos.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número 881 54 00 45 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Ademais, o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade aconsellan adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus: extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrir o nariz e a boca cun pano (preferentemente desbotable) ao tusir ou esbirrar. Se non se dispón de pano, tusirase na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade e o uso axeitado da máscara. #sentidiño