O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta mañá en Boqueixón a creación do selo Galicia Calidade Alimentaria que englobará produtos agroalimentarios con excelencia recoñecida e afondará na súa promoción. Un anuncio realizado durante a I Mostra de Calidade Alimentaria, que se celebra no Pazo de Quián, onde o presidente da Xunta estivo acompañado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.
Nuñez Feijóo explicou que o novo distintivo agrupará “o mellor que dá o país, da man dos produtores”: os produtos con denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, marcas de garantía como Galega 100%, as razas autóctonas e o selo PescadeRías. Fíxoo durante a presentación da campaña Galicia etiqueta Calidade na que a Xunta investirá 700.000 € para divulgar o bo facer da xente do mar e do agro.
Nese sentido, Feijóo puxo de releve o potencial do rural galego, que produce o 40% do leite de España, realiza o 50% das cortas de madeira nacionais, conta co 19% do gando bovino e é referente en Europa en pesca fresca. Así como o seu compromiso coa excelencia que se recoñece con premios como Exceleite, as Catas dos queixos e meles ou no mercado dixital oficial no que os produtores poderán vender estas producións, establecendo contacto eles mesmos co consumidor.
Ao fío disto, Feijóo recordou que para garantir o futuro dos produtores a Xunta está a impulsar medidas como a Estratexia do lácteo e do viño xa en marcha e a da carne na que se está a traballar; unha Lei de recuperación da terra agraria con figuras como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta; ou un Plan forestal de Galicia ata 2040, que aspira a mobilizar 4.900 millóns de euros entre fondos públicos e privados.
Ademais, avanzou que no Consello da vindeira semana se avaliarán os 37,5 millóns de euros que a Xunta vai destinar á incorporación de mozos ao agro, aos plans de mellora e ao desenvolvemento de pequenas explotacións. “A mensaxe que lles estamos a transmitir é que existe un rural vivo” dixo, aludindo tamén a 3 grandes iniciativas do eido rural que aspiran a financiarse con Fondos Next Generation: a biofábrica de fibras téxtiles para pechar o ciclo da madeira, a mobilización de 18.000 hectáreas de terra a partir dos instrumentos da Lei de recuperación e a planificación por 570 millóns de euros dun centro para o impulso da economía circular enfocado á xestión de residuos agrarios e excedentes de puríns, urbanos e outros.
Por último, o presidente da Xunta puxo como exemplo do enorme potencial co que conta o rural galego ao complexo de 100 hectáreas do Pazo de Quián boqueixanés do que dixo que é un espello dun territorio ordenado, dun rural no que convive a tradición e a innovación e que aposta pola formación.