O auditorio da Casa da Cultura de Camporrapado quedou pequeno este sábado co gallo do espectáculo “Balbino: 60 anos de homenaxe a Galicia”, un espectáculo conmemorativo do aniversario da publicación de “Memorias dun neno labrego”, de Neira Vilas. Unha iniciativa organizada polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística e o Xacobeo 21-22.
Presentado por Natalí González, polo escenario boqueixanés pasaron a Banda Unión Musical Ponteledesma, a soprano Noa Outumuro, Josele e o grupo de baile e música tradicional Punteirolo. Mención especial a Marina Vidal, veciña de Boqueixón, cuxa canción galega foi moi aplaudida.