Medio cento de pesoas desfrutaron do divertido concurso Rilla, rilla, que o grupo Xarope Tulú puxo o pasado domingo sobre o escenario da Casa da Cultura de Camporrapado. Un divertido concurso sobre a lingua e a busca de palabras non tan cotiás que serviu para poñer en marcha o ciclo de teatro e música “Escena Pequena”.
A próxima cita será o domingo 19 de decembro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura de Camporrapado con A linguaxe esquecida, de Papabuis. Neste caso trátase de historias e cancións familiares para percorrer o Camiño de Santiago e reflexionar sobre a orixe dos malos comportamentos dos nenos e nenas.
A entrada é de balde, se ben é preciso reservar entrada no Departamento de Cultura, en cultura@boqueixon.gal ou chamando ao 981 513 115. Escena Pequena é un ciclo teatral familiar organizado polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Deputación da Coruña.