O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) no acto de entrega das medallas aos voluntarios de Protección Civil, onde reafirmou o compromiso do Goberno galego con este colectivo, un dos piares das emerxencias galegas. A concesión das medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia ten por finalidade distinguir as persoas físicas ou xurídicas e/ ou ás institucións que sobresaian polas súas actividades en materia de protección civil, así como a prestación de servizos continuados no tempo, de interese para a protección civil, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste acto celebrado en A Estrada fíxose entrega das correspondentes aos anos 2020 e 2021.
Entre as condecoracións entregadas destaca a Medalla de Ouro ao conxunto das agrupacións galegas pola súa colaboración na loita contra a covid e a súa contribución á sociedade na atención da poboación na crise sanitaria. Alfonso Rueda destacou a importancia destas medallas aos voluntarios que levan a cabo un traballo completamente altruísta no seu día a día para velar pola seguridade dos seus veciños, con especial dedicación nos meses máis duros da pandemia do coronavirus coa entrega de alimentos e medicamentos, o acompañamento de persoas que viven soas ou a desinfección de espazos públicos.
Distinción a Boqueixón
A maiores, algunhas das persoas que integran a Agrupación de Protección Civil de Boqueixón foron tamén distinguidas con distintos galardóns. Así, o xefe de Protección Civil de Boqueixón, Juan Manuel Corral Sánchez recibiu de mans do vicepresidente da Xunta a medalla de prata ao mérito da Protección Civil de Galicia 2021, así como o distintivo de permanencia no corpo.
Un distintivo que tamén recibiron outros tres voluntarios da agrupación: José A Castro Martínez, Carlos Uzal Díaz e Antonio Fernández Varela.