Cos ecos dos aplausos e as risadas que nos deixou o ciclo de teatro para adultos BocAberta, o Concello de Boqueixón ten programado para este mes de decembro unha nova edición do ciclo de teatro e música “Escena Pequena”, dirixido a un público familiar. Serán tres actuacións que terán lugar na Casa da Cultura de Camporrapado, ás 12:00 horas e durante 3 domingos de Nadal: 5, 19 e 26.
A oferta abrirase con Rilla, rilla, de Xarope Tulú, que proporá aos asistentes un divertido xogo para coñecer canto coñecemos en realidade da nosa lingua. O domingo 19, Papabuís porá en escena A linguaxe esquecida, para traballar con valores e música. Pechará o ciclo Baobab Teatro con Puño Puñete, unha sesión especial para nenos e nenas a partir dun ano coas súas familias e que mestura música, cancións, contos e tradición oral.
Como é habitual, a asistencia é totalmente de balde, previa reserva da entrada no Departamento de Cultura, en cultura@boqueixon.gal ou no 981 513 115. Organiza o Concello de Boqueixón, colabora a Deputación da Coruña.