Máis de medio cento de veciños e veciñas de Boqueixón asistiron o pasado domingo á posta en escena de Chola, a it girl, unha divertida obra de Artesacía Transmedia que puxo o broche de ouro ao ciclo de teatro BocAberta. Un ciclo de teatro dirixido a un público adulto que encheu o auditorio da Casa da Cultura de Camporrapado todos os domingos que durou o festival.
Grazas ao Concello de Boqueixón e á Deputación da Coruña, polo escenario boqueixanés se exhibiron catro pezas teatrais: Unha primavera para Aldara, de Teatros Airiños; O rei Telesforo busca noia (e quere noivo), do grupo municipal de teatro de Ribeira; Un convento moi contento, de Bradomín Teatro; e a mencionada Chola, a it girl!, de Artesacía Transmedia. Para o ano, máis!