Máis dun cento de veciños e veciñas de Boqueixón encheron esta fin de semana a Casa da Cultura de Camporrapado para realizar a unha sentida homenaxe a Ana Enjamio Carrillo, veciña do municipio asasinada pola súa ex-parella en decembro de 2016 en Vigo. Un acto presidido polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e ao que asistiron familiares e amizades de Ana Enjamio.
A homenaxe tivo lugar durante a III Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, organizada polo Centro de Información á Muller de Boqueixón, e que ten un dobre obxectivo: “poñer en valor o traballo en materia de violencia de xénero que se está a facer dende o CIM e sensibilizar e concienciar á sociedade a través destas xornadas”, asegurou Fernández Munín. Así mesmo, o alcalde tivo un “agarimoso recordo para Ana Enjamio Carrillo, veciña deste concello, nestas datas próximas ao Nadal e cando se van cumprir cinco anos do seu pasamento por un caso de violencia de xénero. Un abrazo á familia e grazas por compartir todos aquí estas xornadas. Ogallá con eventos coma este consigamos avanzar na erradicación para sempre esta lacra social que é a violencia de xénero contra a muller”.
Pola súa banda, a directora do CIM, Cristina Carbajales, salientou que “cando unha muller comparte a súa historia de violencia está dando o primeiro paso para romper o círculo do maltrato. Non debemos pensar e dicir por que non te fuches dalí? Debemos escoitala, apoiala e dicirlle: estamos contigo. Temos que saber que o maltratador non cabe nunha sociedade xusta, que nunca se entra pola violencia dento dun corazón e que as nosas vidas comezarán a rematar o día en que gardemos silencio sobre as cousas que nos importan”.
Ana, luz e sorriso
Yolanda Neira, psicóloga do CIM de Boqueixón, foi a encargada de presentar o documental e a exposición “Ana, luz e sorriso” que, a través da mirada de sete mulleres ilustradoras, ten a finalidade de manter vivo o recordo de Ana Enjamio. “Fíxose unha exposición unindo artistas, familia e amizades. A cada ilustradora lle achegamos un texto dunha persoa achegada a Ana e unha fotografía. Neses textos repetíanse varias palabras que deron o título da mostra: Ana, luz e sorriso”, explicou Yolanda Neira antes de dar paso a un documental sobre a elaboración da exposición. De feito, a madriña de Ana participou no acto dando lectura ao texto que ela escribiu sobre a súa afillada.
Unha mostra que se puido visitar durante toda a xornada no exterior do auditorio da casa da cultura de Camporrapado. Un proxecto no que participaron as ilustradoras Blanca Millán, Isa Albela, Lorena Couto, Laura Romero, María Montes, Eva Casais e Laura Tova, algunhas delas presentes na xornada. O vídeo está dispoñible nas redes sociais do Concello de Boqueixón para toda a veciñanza que non puido asistir este fin de semana: https://fb.watch/9ioRTHJMsr/.
Resto da xornada
A III Xornada de Sensibilización en Violencia Contra a Muller comezou e rematou coa música de dúas artistas locais: Sofía Silva ao piano e Marina Vidal ao violín. Tras a presentación por parte do alcalde e da directora do CIM, María José e Jessica, da asociación Berenguela pola Igualdade (Vedra), presentaron as actividades realizadas ao longo dos últimos meses:
- Historias de vida de mulleres de mulleres e homes de Vedra, para recoñecer o labor das mulleres no rural e que se viran empoderadas
- Andaina polo bo trato, que tivo lugar entre 2017 e 2019
- Proxecto 1.000 cores, un vídeo no que mulleres de Vedra, de todas as idades, denuncian os micromachismos que viven a diario.
Acto seguido tivo lugar a ponencia “A realidade da Violencia de Xénero”, un testemuño de Esther García García, divulgadora e sobrevivente de abusos sexuais infantís, violencia de xénero e doméstica. Esther, estudante de Dereito e colaboradora este ano no proxecto “Calladita no eres más bonita” (publicación de Nuria Prieto sobre relatos de violencia de xénero), explicou que “ninguén comeza pegando, ninguén comeza chamándote puta. A violencia de xénero comeza moi pouco a pouco”.
Neste sentido, destacou a importancia de identificar micromachismos como os sinalados dende a asociación Berenguela pois “a min custoume moito darme conta de que era vítima de violencia de xénero. Non recibira ningún golpe, todo foi unha violencia psicolóxica ata o punto de facerme durmir no chan e que eu sentira que todo era por culpa miña”.
A III Xornada de Sensibilización en Violencia Contra a Muller foi organizada polo CIM de Boqueixón e contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade, o Ministerio de Igualdade e a Unión Europea.