“O rei Telesforo busca noiva (e quere noivo)”, primeira montaxe integramente en verso e en clave de humor do grupo municipal de teatro de Ribeira, triunfou en Boqueixón. Os máis de oitenta veciños e veciñas que se deron cita na Casa da Cultura de Camporrapado botaron unhas boas risadas na segunda sesión do ciclo de teatro BocAberta, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Deputación da Coruña.
Unhas rias que terán continuidade este domingo 21 de novembro, ás 17:30 horas, coa obra “Un convento moi contento”, de Bradomín Teatro. Trátase dunha nova comedia de enredo sobre a chegada dun novo sacerdote a un convento, no que se irán desenvolvendo unha serie de divertidos sucesos.
Coma no resto do ciclo, a entrada é de balde pero hai que reservala no Departamento de Cultura, en cultura@boqueixon.gal ou no 981 513 115. As persoas que asistan deberán cumprir con todas as garantías hixiénico-sanitarias: levar máscara, manter a distancia social e usar xel hidroalcohólico.