Máis de medio cento de veciños e veciñas de Boqueixón deuse cita o pasado domingo na Casa da Cultura de Camporrapado para asistiren á apertura do ciclo de teatro BocAberta, programado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Deputación da Coruña. Un ciclo que programará unha actuación teatral para público adulto todos os domingos de novembro.
O público boqueixanés desfrutou coa posta en escena da obra de Teresa Moure, que se traslada á época da Revolta Irmandiña para contar o rebumbio que se monta nun convento cando as monxas acollen a un guerreiro irmandiño malferido, pese á obediencia que deben ao bispo.
A próxima cita será este domingo 14 de novembro, ás 17:30 horas, coa comedia “O rei Telesforo busca noiva (e quere noivo)”, do grupo municipal de teatro de Ribeira. A entrada é de balde, se ben é preciso que reserves a túa entrada no Departamento de Cultura, en cultura@boqueixon.gal ou no 981 513 115.