O Concello de Boqueixón vén de investir 22.000 euros no acondicionamento e humanización da contorna da praza do Cruceiro, no núcleo rural de Rubial. Unha obras executadas pola empresa Obras y Viales de Galicia SL e que responden á intención do Concello de Boqueixón de poñer en valor unha área pola que discorre a Vía da Prata, polo que será desfrutada tanto pola veciñanza do lugar como polos milleiros de peregrinos e peregrinas que percorren esta ruta Xacobea.
A actuación consistiu na execución dun muro, de 33 metros de longo por 4 de alto, para poder nivelar a superficie da praza. Nela, cambiáronse de lugar tanto a marquesiña como os contedores do lixo, que foron integrados nunha nova área de 12 metros cadrados cuns paneis de madeira que facilitan a súa integración na contorna. Finalmente, procedeuse a instalar unha mesa de pedra granítica cos seus respectivos bancos.
Ao mesmo tempo, procedeuse a mellorar a marxe do camiño, nunha superficie de 150 metros cadrados, coa execución dunha pavimentación continua herba-formigón de 10 centímetros de espesor, previo acondicionamento da zona e roza da contorna.