O Centro de Información á Muller de Boqueixón abre as inscricións para a III Xornada de Sensibilización en Violencia Contra a Muller, que terá lugar o sábado 13 de novembro, a partir das 17:00 horas, na casa da Cultura de Camporrapado. O programa inclúe o seu tradicional formato, combinando charlas, exposicións e música. A asistencia é de balde, se ben é preciso anotarse cubrindo este formulario de inscrición.
Tras unha actuación musical de Sofía Silva, o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, será o encargado de dar a benvida ás persoas asistentes á xornada, que será presentada por Cristina Carbajales Nouriño, directora do CIM. Ás 17:16 horas terá lugar a charla “Boas prácticas para traballar a igualdade no rural”, a cargo da asociación Berenguela pola igualdade (Vedra).
Tras unha peza musical de Marina Vidal, ás 17:45 horas dará comezo a ponencia “A realidade da Violencia de Xénero”, dirixida por Yolanda Neira Cristobo, psicóloga do CIM de Boqueixón. Conscientes do impacto positivo que supón para concienciar e sensibilizar á poboación escoitar o testemuño de persoas que sofren esta problemática, nesta edición contarase co testemuño dunha persoa que viviu diversas formas de violencia: Esther García García, divulgadora e sobrevivente de abusos sexuais infantís, violencia de xénero e doméstica. Esther é estudante de dereito e colaboradora no proxecto “Calladita no eres más bonita”, unha publicación de Nuria Prieto sobre relatos de violencia de xénero.
O evento acollerá a inauguración da exposición “Ana, luz e sorriso”, unha acción promovida polo CIM de Boqueixón en homenaxe a Ana Enjamio Carrillo. A través da mirada de sete mulleres ilustradoras creouse unha exposición colectiva que ten a finalidade de manter vivo o recordo de Ana, veciña de Boqueixón asasinada. Blanca Millán, Isa Albela, Lorena Couto, Laura Romero, María Montes, Eva Casais e Laura Tova, son as sete ilustradoras participantes neste proxecto, o cal se presentará a través do audiovisual do mesmo nome, que expón o proceso de creación da exposición.
A xornada contará, como é habitual, con actuacións musicais grazas á colaboración das artistas de Boqueixón Sofía Silva e Marina Vidal Míguez, así como o tradicional Photocall pola Igualdade.
Para asistir á xornada é preciso inscribirse previamente a través do formulario web habilitado para tal fin. Para o acceso ás instalacións será de obrigado cumprimento o uso de máscara e a desinfección de mans.