O Concello de Boqueixón vén de conceder 7 axudas para o fomento da natalidade no municipio a outras tantas familias. Unhas subvencións de 200 euros dirixidas a sufragar en parte os custes derivados do nacemento e/ou accollemento ou adopción de nenos e nenas empadroados/as en Boqueixón. Un total de 1.400 euros que deberán ser gastados en establecementos emprazados en Boqueixón, fomentando así o tecido comercial do municipio, e en produtos en beneficio da crianza: cueiros, lácteos e alimentos infantís, roupa, calzado, enxoval, produtos de hixiene infantil, medicamentos ou calquera outro tipo de produtos receitados polo facultativo de pediatría.
O Concello de Boqueixón lembra que o prazo de presentación aínda continúa aberto para aqueles nenos ou nenas que nazan entre o 1 outubro e o 31 de decembro. Estas familias disporán de 15 días naturais, a partir do día seguinte á data de nacemento, para solicitar a axuda (admitíndose facturas ata o 20 de xaneiro de 2022). As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica municipal, se ben tamén se admitirán solicitudes de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello de Boqueixón.
As axudas outorgaranse con independencia da renda familiar por un importe individual de 200 euros. No caso de partos múltiples, aumentarase a axuda en 100 euros. Así mesmo, a axuda acadará os 300 euros no caso de acreditar unha discapacidade do/a neno/a dun 33% ou superior. Para poder solicitar as subvencións é preciso que a familia estea empadroada en Boqueixón (incluído o menor recén nacido) no momento de presentar a solicitude e comprometerse a seguir empadroada un mínimo de 3 anos. Así mesmo, será necesario non ter pendente de xustificar subvencións outorgadas polo Concello nin estar en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de subvencións que establece a Lei.
Os cartos deberán ser gastados en beneficio do neno/a: cueiros, lácteos e alimentos infantís, roupa, calzado, enxoval, produtos de hixiene infantil, medicamentos ou calquera outro tipo de produtos receitados polo facultativo de pediatría. Uns produtos que deberán ser adquiridos en establecementos comerciais emprazados no municipio de Boqueixón.
Adxuntos
- axudas natalidade primeiro prazo (65 kB)
- BOP-publicado-o-30-setembro-2021 (105 kB)
- BASES-AXUDAS-NATALIDADE (109 kB)
- ANEXOS-AXUDAS-NATALIDADE-1 (551 kB)
- ANEXO-IV-XUSTIFICACION (528 kB)