Hoxe luns 25 de outubro ábrese o prazo para a solicitude das axudas a entidades sen ánimo de lucro que o Concello de Boqueixón convoca para este ano 2021. Unha axudas que suporán un investimento de 12.000 euros e que poderán solicitarse ata o 15 de novembro.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, explica que “o obxectivo destas axudas é financiar programas, proxectos, actividades, investimentos e outros gastos levados a cabo polas entidades sen ánimo de lucro do noso municipio coa finalizade de promover e dinamizar a participación activa da veciñanza no tecido asociativo”.
As subvencións, convocadas en réxime de concorrencia competitiva, non poderán superar os 1.000 euros por entidade. Consideraranse gastos subvencionables aqueles realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro tales como gastos de persoal, profesionais, organización de actividades, accións formativas, cartelería, folletos, material de oficina, teléfono, luz… Non serán subvencionables os intereses debedores de contas bancarias, os gastos de procedementos xudiciais, as sancións administrativas, os impostos indirectos, comidas, ceas, petiscos, bebidas alcohólicas…
As entidades e asociacións de Boqueixón que desexen acceder a estas axudas deberán presentar as súas solicitudes a través da Sede Electrónica do Concello de Boqueixón antes do 15 de novembro. O Concello de Boqueixón valorará especialmente o número de veciños e veciñas beneficiados polo proxecto, así como o interese xeral da proposto ou a traxectoria da asociación, entre outros.
Adxuntos
- BOP Boqueixon (93 kB)
- BasesAxudas (114 kB)