O centro de saúde de Boqueixón vacinará da terceira dose do coronavirus e da gripe a 805 veciños e veciñas maiores de 80 anos dos municipios de Boqueixón e Vedra. O proceso de vacinación dará comezo o luns 25 de outubro e estará aberto durante dúas semanas.
O horario de vacinación será de 15:30 a 20:30 horas e serán citados uns 120 pacientes cada día. Os maiores recibirán a súa cita por SMS nos próximos días, onde se lles indicará a data e a hora. Dende o Concello de Boqueixón piden á veciñanza que respecte o horario marcado, para evitar aglomeracións innecesarias, e lembra tamén que non se vacinará a ninguén que non fose citado.
En principio, as vacinas poranse no interior do centro de saúde de Boqueixón, se ben está contemplada a posibilidade de vacinar nos propios vehículos a aquelas persoas maiores que teñan algún tipo de redución de mobilidade.