O Concello de Boqueixón ampliará ata o 29 de outubro o prazo para solicitar as axudas á escolarización e adquisición de material informático para facilitar o acceso das familias do municipio a estas subvencións. Unha convocatoria á que o Concello destina 12.000 euros e cuxo prazo de presentación remataba este sábado 16 de outubro.
As familias de Boqueixón con fillos/as cursando estudos de segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato poderán optar entre dúas liñas de axudas: adquisición de material informático ou para material local. As que opten por solicitar as axudas para a adquisición de ordenadores de sobremesa ou portátiles, poderán recibir ata un máximo de 250 euros por alumno e alumna, cun límite de 400 euros por unidade familiar. Unhas axudas que non se poderán solicitar para alumnado de educación infantil.
A segunda liña subvencionará os gastos derivados do material escolar, é dicir, todo tipo de material agás os libros de texto xa subvencionados ou de préstamo. A contía máxima será de 100 euros por alumno de infantil, primaria e secundaria; así como 150 euros para alumnado de Bacharelato. O límite por unidade familiar será de 300 euros.
Ambas as dúas liñas de axuda están destinadas a familias que se atopen nunhas condicións socioeconómicas menos vantaxosas e son unha aposta do Concello de Boqueixón por colaborar con estas persoas para que poidan facer fronte a gastos específicos e necesarios para previr ou evitar situacións de exclusión social. Así, o límite de recursos económicos establécese tomando como referencia o IPREM do ano 2021.
As solicitudes presentarase, coa documentación correspondente, no Rexistro Xeral do Concello de Boqueixón ou a través da sede electrónica. Máis información e bases na web municipal www.boqueixon.gal.
Adxuntos
- Axudas-escolarizacion (128 kB)