O CPI Plurilingüe de Vedra acolle durante a primeira quincena de outubro a exposición itinerante “O Pico Sacro no Códice Calixtino”, promovida polo Concello de Boqueixón dentro das actividades organizadas no ciclo “Un mes e Pico” e en colaboración co Xacobeo 21-22 e a Xunta de Galicia. Trátase dunha mostra de nove paneis coa que se quere poñer en valor e dar a coñecer a parte lendaria do Pico Sacro a partir do libro III do Códice Calixtino.
Nos seus paneis atópanse varias figuras esenciais no relato: a Raíña Lupa, os discípulos de Santiago que buscaban soterrar o corpo do Apóstolo Santiago e os feitos máxicos que rodean o acontecido no monte sagrado (a aparición do dragón, os bois salvaxes que se volven mansos ou a conversión da Raíña Lupa ao cristinianismo). Tras pasar polo Centro de Interpretación do Río Ulla (Touro) e pola Casa das Artes (Vedra), esta exposición itinerante permanecerá no CPI Plurilingüe de Vedra ata mediados de outubro.