O Centro de Interpretación do Río Ulla, no concello de Touro, acolle esta semana a exposición “O Pico Sacro no Códice Calixtino”, unha iniciativa incluída na programación do ciclo “Un mes e Pico”, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración co Xacobeo 21-22 e a Xunta de Galicia.
A mostra busca poñer en valor a parte máis lendaria do Pico Sacro e por iso recolle os escaneos do Códice Calixtino nos que se conta a lenda da Raíña Lupa e a translación do corpo do Apóstolo Santiago. Os paneis poderán visitarse esta semana en Touro en horario de 8:30 a 14:30 horas. O próximo martes 21 de setembro, a mostra viaxará ata Vedra, onde poderá ser visitada na Casa das Artes.
Por outra banda, aquelas persoas que desexen vivir sobre o terreo as lendas recollidas nesta exposición, aínda poden participar nunha das tres derradeiras visitas teatralizadas gratuítas programadas para esta fin de semana do 18 e 19 de setembro, e o domingo 26 de setembro, ás 17:30 horas. Durante unha hora, o grupo de teatro Os Quinquilláns explicarán ás persoas presentes a lenda da Raíña Lupa, combinada con cancións e poemas da época.
A participación nestas visitas é totalmente de balde, se ben a situación sanitaria actual fai que o número de prazas sexa limitado e sexa imprescindible inscribirse previamente no mail boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao teléfono 981 513 061.