O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaron esta mañá aos rapaces e rapazas do campo de voluntariado “Camiño cara a natureza”. Unha visita na que Cristina Pichel destacou que esta actividade “está permitindo facer unha importante labor de recuperación e limpeza das beiras do río Ulla”.
As mozas e mozos que participan nesta actividade, de entre 18 e 30 anos de idade, están a realizar actividades de sendeirismo e alóxanse nas instalacións da Escola de Capacitación Agraria (Sergude). Esta localización en Boqueixón é unha das 13 novidades da oferta de campos de voluntariado da campaña de verán deste ano da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Cristina Pichel sinalou que os campos de voluntariado, así como o resto de actividades da campaña de verán, permiten que a mocidade adquira competencias de aprendizaxe non formal. Ademais, representan unha oportunidade para dinamizar estas zonas da nosa comunidade e ampliar o coñecemento delas, así como da propia vida dos seus veciños e veciñas, entre a xente nova.