A arqueoloxía do Pico Sacro e a cultura xacobea. Esta é a temática sobre a que xirará a terceira edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa que encherá Boqueixón de conferencias, visitas teatralizadas e rutas literarias e arqueolóxicas durante os meses de agosto e setembro. Un programa que foi presentado esta mañá polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, que estiveron acompañados por Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, e Ovidio Rodeiro Tato, deputado autonómico.
Se as dúas primeiras edicións se centraron na sacralidade e na relación do Pico Sacro coa cultura xacobea, nesta ocasión celebraranse sete actividades, entre o 14 de agosto e o 25 de setembro, sobre a arqueoloxía do monte sagrado e a cultura do Xacobeo. Todas as actividades serán gratuítas, se ben o aforo será limitado e será imprescindible inscrición previa en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.
Declaración BIC do Pico
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, agradeceu a asistencia das autoridades presentes lembrando que “este ciclo de conferencias, o convenio de posta en valor do Pico asinado a semana pasada con Vedra ou os traballos de limpeza da sima do Pico Sacro que fixemos en xuño son so algúns exemplos do traballo que dende o Concello de Boqueixón estamos a facer cun mesmo obxectivo: conseguir que o noso Pico Sacro sexa declarado Ben de Interese Cultural. Penso que motivos hai de sobra e dende o Concello de Boqueixón seguiremos traballando para que ese nomeamento poida producirse o máis pronto posible”.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, felicitou ao Concello de Boqueixón “por esta ambiciosa iniciativa que inclúe unha gran variedade de actividades nun lugar emblemático non só desta comarca, senón de Galicia”. Algo no que coincidiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, para quen “a importancia do Pico Sacro como porta de Compostela é que alberga algunhas das lendas máis interesantes da traslatio do Apóstolo”, ao tempo que destacou que a programación xunte “conferencias de importantes arqueólogos con actividades lúdicas como esas visitas teatralizados e a ruta literaria, pois o Pico foi sempre un punto de atracción para o mundo literario galego”.
Programación
O ciclo “Un mes e Pico”, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración co Xacobeo 2021-2022, abrirase con dúas conferencias na capela de San Sebastián: “As montañas e as cousas. Xenealoxía dunha paisaxe sacra”, a cargo de Felipe Criado Boado (sábado 14 de agosto, ás 19:00 horas), e “Xeoastronomía da antiga Gallaecia (medicións, datos e interpretacións): Santiago e o Pico Sagro no tempo dos mouros”, da man de Antón Bouzas Sierra (sábado 21 de agosto, ás 20:00 horas).
Un día despois, o domingo 22 de agosto ás 11:00 horas, terá lugar a primeira das tres saídas programadas: unha ruta arqueolóxica polo Pico Sacro e a súa contorna da man da arqueóloga e antropóloga, Ana Isabel Filgueiras Rei, que traballa no Plan Integral de recuperación e dinamización do patrimonio material e inmaterial do Pico Sacro. Con saída na Igrexa de San Lourenzo da Granxa, a ruta percorrerá lugares do cristianismo primitivo como San Sebastián do Pico Sacro, San Lourenzo da Granxa, fortaleza, mámoas na contorna do Pico, mosteiro medieval…
Xa no mes de setembro, Os Quinquilláns prepararán cinco visitas teatrais no cumio do monte sagrado: “A Raíña Lupa e o encanto do Pico Sacro” (os días 4, 11, 18, 19 e 26 de setembro, ás 17:30 horas). Nela contarase como foi en verdade a lenda do Pico Sacro e as probas que os discípulos de Santiago tiveron que pasar. Por outra banda, o domingo 12 de setembro, ás 11:00 horas, Compos Tours ofrecerá unha ruta literaria cara o Pico Sacro dende o Centro de Interpretación. Durante o percorrido darase lectura a textos de Castelao, Xosé Neira Vilas ou Avelina Valladares, entre outros, sobre o Pico.
Finalmente, o sábado 25 de setembro, ás 20:00 horas, terá lugar o peche do ciclo cunha conferencia a cargo do historiador Martín Almagro-Gorbea: “A Raíña Lupa e o Monte Sacro”. Será na capela de San Sebastián.
Exposición en Touro e Vedra
Por outra banda, a exposición itinerante “O Pico Sacro no Códice Calixtino” visitará o centro de interpretación do Río Ulla de Touro (do 13 ao 19 de setembro) e a casa das Artes de Vedra (do 20 ao 26 de setembro). Trátase dunha mostra que pon en valor e dá a coñecer a parte máis lendaria do Pico Sacro. Nela recóllense imaxes do Códice Calixtino onde se narra a lenda da Raíña Lupa, que explica á súa vez a translación do corpo do Apóstolo Santiago e os máximos feitos acontecidos no Pico Sacro.