O Concello de Boqueixón, en colaboración coa Deputación da Coruña, retoma o programa «Noites de Cine», que ofrecerá tres sesións gratuítas, ao aire libre e dirixidas a un público familiar. As proxeccións terán lugar en sábado, ás 23:00 horas, e ao aire libre, con cadeiras e pantalla xigante. A hora elixida é a necesaria para que as persoas que asistades poidades ver a pantalla sen reflexos.
Os filmes que se proxectarán son «El Rey León» (Carballeira de Rodiño, 10 de xullo), «Donkey Xote» (campo do río de Ponte Ledesma, 7 de agosto) e «Pinocho 3.000» (campo da feira de Lestedo, 14 de agosto). Os tres filmes son de asistencia libre e de balde.
A maiores, o campo da feira de Lestedo acollerá o domingo 15 de agosto, ás 22:30 horas, a proxección da comedia «Cuñados», recomendada para maiores de 7 anos. Para asistir a esta proxección será preciso recoller entrada no Concello de Boqueixón entre o 9 e 13 de agosto ou retirala no propio campo da feira de Lestedo o domingo 15 de agosto, unha hora antes do pase.