O Centro de Interpretación do Pico Sacro acollerá este venres 9 de xullo, ás 20:00 horas, a charla “A cova do Pico Sacro”, impartida polo doutor Mario Vaqueiro, vogal de Conservación de Cavidades da Federación Galega de Espeleoloxía. A entrada é de balde pero é imprescindible inscrición previa en boqueixonturismo@gmail.com ou no teléfono 981 513 061.
Durante a conferencia, Mario Vaqueiro falará da historia da cova do Pico Sacro, así como do seu patrimonio natural subterráneo. Así mesmo, aproveitará para dar conta do resultado das Xornadas de Limpeza da Sima do Pico Sacro, realizadas o pasado mes de xuño e nas que se retiraron preto de 3.100 quilos de materiais. A charla está organizada polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Federación Galega de Espeleoloxía.