Unha visita á catedral de Santiago serviu de actividade de peche do curso 2020-2021 do Programa de Prevención da Dependencia, posto en marcha polo Departamento de Servizos Sociais de Boqueixón en 2010. Unha iniciativa que tivo que superar numerosos atrancos durante esta pandemia sanitaria, que obrigou a facer subgrupos e fixo tamén que gran parte das persoas que adoitan participar non asistiran ás actividades programadas para esta etapa.
Aínda así, sete veciños e veciñas de Boqueixón participaron na visita á Catedral de Santiago, na que estiveron acompañados pola concelleira de Servizos Sociais, Ana María Seijo, e polo párroco de Lestedo, José Sánchez Piso, que fixo de guía da visita e lles explicou o proceso de construción e a historia da catedral. A expedición desfrutou dunha merenda na Praza da Quintana, cruzaron a Porta Santa e asistiron á Misa do Peregrino.
María Pereira, educadora familiar encargada do programa, explica que “moitos non se acordaban de vir a Santiago, a pesar da proximidade, polo que foi para eles toda unha excursión”. Unha das cousas que máis os sorprendeu foron as obras de renovación do templo compostelán, se ben “desta vez a ilusión de todos era pasar a Porta Santa”, puntualiza María Pereira.
Ano complicado
Con esta visita, o Departamento de Servizos Sociais boqueixanés pecha un complicado ano. “As actividades realizadas foron variadas, aínda que foron evidentes as secuelas do parón debido á pandemia e duplicouse o tempo dedicado á estimulación cognitiva e actividades psicoemocionais. Empregouse a musicoterapia en varias ocasións, a reflexión a través de lecturas recomendadas para persoas maiores, dinámicas individuais e en grupo… moi limitadas pola crise sanitaria”, relata a educadora familiar encargada deste Programa de Prevención da Dependencia.
De cara ao vindeiro ano, os maiores boqueixaneses están recollendo información sobre as tradicións e costumes do municipio co obxectivo de levar a cabo un proxecto chamado “Boqueixón na memoria dos nosos maiores”, un libro onde se relatarán a vida, tradicións e costumes dos maiores do municipio dende o ano 1936. As persoas que estean interesadas en participar na vindeira tempada do Programa de Prevención da Dependencia deberán dirixirse aos Servizos Sociais de Boqueixón ou chamar ao 981 513 106.