A piscina municipal de Boqueixón abre a súa tempada hoxe mércores 23 de xuño. Como medida excepcional, a entrada ás instalacións localizadas en O Forte será gratuíta ata o vindeiro 1 de xullo para que todas as persoas usuarias vaian adquirindo os seus bonos na propia piscina municipal.
O prezo da entrada será de 3,71 euros, mentres que os bonos de 20 entradas custarán 6,17 euros (para nenos e nenas ata 16 anos) e 12,34 euros para persoas adultas. Así mesmo, haberá distintas opcións de bono familiar, con dereito a 20 entradas, a distintos prezos: bono pai e nai (15,43 euros), cota primeiro fillo (6,17 euros) e cota segundo fillo (3,09 euros). A partir do segundo fillo non haberá que aboar cota ningunha.
O pago deberá realizarse obrigatoriamente mediante abono bancario ao Concello de Boqueixón no número de conta ES68 2080 0320 2531 1000 0666. O recibo coa confirmación do ingreso deberá presentarse na piscina municipal no momento de retirar o abono.
Horario e medidas de seguridade
A piscina municipal de Boqueixón estará aberta de luns a domingo, festivos incluídos, en horario de 15:00 a 21:00 horas. O aforo tanto de toda a instalación como da lámina de auga estarán anunciados na entrada, sendo obrigatorio seguir as indicacións dos técnicos de salvamento acuático, que serán as persoas encargadas de velar polo seu cumprimento.
Así mesmo, deberanse seguir os protocolos de seguridade sanitaria anti-covid como manter a distancia de seguridade tanto dentro como nos accesos á piscina municipal. As persoas que queiran solicitar máis información poden contactar directamente coa piscina municipal a través do teléfono 636 731 721 ou a través do mail deportes@boqueixon.gal.