Boqueixón está máis preto de se converter no “espello do rural de Galicia”. O salón de actos da Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Sergude acolleu esta mañá a presentación do proxecto gañador do concurso de ideas para a transformación do Pazo de Quián-Sergude no futuro centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais da comunidade autónoma.
O devandito acto, no que tamén se fixo entrega dos premios aos proxectos finalistas, estivo presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; polo conselleiro do Medio Rural, José González, e polo alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín. Tamén asistiron a esta cita o delegado territorial, Gonzalo Trenor, e o deputado autonómico Ovidio Rodeiro, entre outras autoridades, ademais de profesionais da arquitectura que participaron neste concurso de ideas para a transformación de Quián.
Manuel Fernández Munín indicou que “para o noso Concello é unha enorme satisfacción que se sigan a dar pasos na materialización dun proxecto que vai converter o noso municipio no espello do rural galego. As 100 hectáreas deste complexo de Quián achegarán Boqueixón a profesionais e cidadanía postulándoo como un exemplo do bo facer no sector primario e do potencial que ten para xerar riqueza e emprego no conxunto da nosa sociedade. Ademais, este espazo porá tamén en valor todo o que Boqueixón pode ofrecer, xa que o noso territorio será o exemplo desa Galicia que aspira a ser referente”.
A proposta gañadora foi a denominada Buxo, elaborada por Jorge Salgado, Celso López, Magdalena Arousa Portela e César Portela. Sobre esta proposta, o presidente da Xunta subliñou que “as 100 hectáreas que envolven o complexo conciliarán as visións dun territorio ordenado, coidado e fértil en produtos de calidade. En definitiva, estamos a falar dun modelo a escala da Galicia rural na que cremos: ordenada, con produtos agroalimentarios de calidade e cun plantexamento forestal a curto e longo prazo”, dixo, recordando que, con este fin, aprobouse o Plan forestal de Galicia 21-40, que reducirá un 5% a pegada do eucalipto en 20 anos e ocupará con frondosas autóctonas un total de 425.000 hectáreas; así como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia”, indicou.
Segundo explicou Alberto Núñez Feijóo, durante o presente exercicio 2021 destinaranse 4 millóns de euros para iniciar a materialización deste proxecto. Esta comezará coa reforma do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude -con capacidade para máis de 130 estudantes de ciclos formativos ligados ao rural-, e a residencia de estudantes, onde se atopan medio cento. Ademais intervirase na conservación e renovación do Pazo de Quián, como espazo lúdico e de carácter representativo, coa recuperación de peches e xardíns e a mellora da urbanización.
“E, en fases posteriores, erguerase un edificio sobre a Cruz do Naveiro, que se denominará O Castro e que será un escaparate dos produtos agroalimentarios e forestais”, engadiu. Nas instalacións tamén se concentrarán un centro temático e de promoción gastronómica -ideado para que os cociñeiros galegos poidan traballar con produtos do país-, e un espazo para a organización de mostras e eventos.
Por outra banda, o proxecto tamén contempla unha granxa vacún con todas as razas autóctonas existentes na Comunidade. Así, estará dotada con queixería, e con silos, almacén, taller de maquinaria e acceso directo aos pastos, así como instalacións para cabalos de pura raza, exemplares de porco celta, cabras, ovellas e galiñas.
No eido da agricultura, Feijóo destacou a diferenciación de tres zonas: unha zona para cultivos de horta, cereais e viñedos que enxalcen as producións agroalimentarias con selo de calidade; un parque forestal, destinado a resaltar a multifuncionalidade e a diversidade dos nosos montes; e doutra zona de pastos.
Todo isto procurando un balance cero enerxético coa implantación de enerxías renovables.