O Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo para formalizar os permisos para as cacharelas privadas de San Xoán. As de carácter público non se poderán celebrar, dada a actual situación epidemiolóxica.
As solicitudes deberanse presentar antes das 23.59 horas de xuño no rexistro municipal (ben de xeito presencial –con cita previa e en horario de 09.00 a 14.00 horas-, ben a través da sede electrónica do Concello –https://sede.boqueixon.gal/opencms/es/-). As solicitudes presentadas fóra de prazo non se resolverán. O modelo de solicitude pódese descargar no arquivo anexo ou premendo aquí. Deberase indicar o lugar no que se realizará o lumeiro, así como o nome, enderezo e teléfono das persoas responsables da mesma que deberán ser encargarse de coidar dos arredores.
No propio modelo de solicitude, indícanse unha serie de medidas a seguir para o axeitado desenvolvemento das cacharelas de San Xoán:
- O volume de combustible da cacharela non sobrepasará os oito (8) metros de perímetro nin os tres (3) de altura.
- A separación entre os lumeiros e os edificios e árbores será, como mínimo, de vinte (20) metros. Ademais, porase especial coidado en non localizalas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos. Tampouco se deberán ubicar nos arredores de locais nos que se almacenen produtos inflamables.
- Está prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e, en xeral, calquera substancia que, ao arder, desprenda fume tóxico.
- En ningún caso se botarán ao lume recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión -sprays-, aínda que estean baleiros.
- No suposto de que a cacharela se realice sobre terreos de uso público enlousado, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm.
- Ao rematar a cacharela e antes de abandonar o lugar, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e a pavimentación quede no mesmo estado no que se atopaba antes de iniciarse o lume.
- Será obrigatoria a Iimpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematada a cacharela e/ou sardiñada.
Dende o Concello de Boqueixón lembran á veciñanza a importancia de velar pola seguridade de todas as persoas e da contorna durante a celebración dos lumeiros de San Xoán.