O Concello de Boqueixón informa sobre a resolución do 12 de maio de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2021 o programa de axudas para a concesión das estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas (DOG nº 100 do 31/5/2021) SI447A.
Obxecto
Facilitarlles ás mulleres, preferentemente vítimas de violencia de xénero, que teñan fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo, un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer, reforzando o seu vínculo materno-filial nun ambiente de seguridade, respecto e bo trato como modelo de convivencia.
Prazas e duración
Convócanse ata un máximo de 90 prazas, cunha duración de entre 7 e 9 días, en réxime de pensión completa, e desenvolveranse preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de setembro.
Condicións económicas
Os gastos de aloxamento, en réxime de pensión completa, traslado de ida e volta desde o seu concello de residencia, equipo de monitoras/es e actividades complementarias serán gratuítos para as persoas beneficiarias, e serán por conta da Secretaría Xeral da Igualdade.
Requisitos das persoas beneficiarias
- Ter fillas ou fillos menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo e con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos.
- Non convivir con parella afectiva.
- Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da CA de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
- Que a media dos os ingresos brutos mensuais da solicitante non superen o límite do importe de 1,5 veces o IPREM vixente, nos seis meses anteriores á data de presentación da solicitude.
- Non padecer ela, nin as fillas/os menores e/ou menores en acollida que a acompañen, unha enfermidade que requira illamento e/ou que impida a normal convivencia.
Documentación
- Copia do libro de familia, certificación expedida polo Rexistro Civil ou calquera outro documento que acredite fidedignamente a relación materno filial.
- Informe social, sentenza xudicial de custodia ou calquera outro documento que acredite que as/os fillas/os están exclusivamente ao seu cargo.
- Nos casos de menores en acollida, a cargo, deberá achegarse copia da resolución xudicial acreditativa da dita situación ou da resolución administrativa acreditativa da dita situación se non fose expedida pola Xunta de Galicia.
- Copia da certificación acreditativa da discapacidade da solicitante ou das súas fillas/os menores e/ou menores en acollida, a cargo, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia, de ser o caso.
- Documentación que xustifique os ingresos da solicitante declarados no punto 1 do anexo I.
- Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de ser o caso.
- Informe do centro de acollida para vítimas de violencia de xénero que acredite que a solicitante está a residir nel, de ser o caso.
- Informe médico do Sergas, referido tanto ás mulleres como as súas fillas/os menores e/ou menores en acollida, que a vaian acompañar, no que conste que non padecen ningunha enfermidade que requira illamento e/ou impida a normal convivencia.
- Anexo II, de ser o caso.
- Outra documentación.
Lugar de presentación
Preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo
Ata o 30 de xuño de 2021
Máis información
Servicios Sociais e CIM do Concello, nos teléfonos: 981513106 ou cim@boqueixon.gal.