O Concello de Boqueixón vén de baixar a súa incidencia acumulada de casos de COVID-19 diagnosticados por PDIA a 7 días. Na actualidade, atópase entre os 25 e os 75 casos por cada 100.000 habitantes. Por tanto, o municipio continúa no nivel medio-baixo de restricións.
Aféctanlle, pois, as novas medidas de prevención contra a expansión da COVID-19 aprobadas esta semana polas autoridades sanitarias e que hoxe entraron en vigor. As principais modificacións son as seguintes:
- Amplíase o límite nas reunións de non conviventes a 10 persoas en exterior e 6 en interior
- Porén, as reunións entre persoas non conviventes seguen prohibidas entre as 01.00 e as 06.00 horas
- Tamén se amplía ata o 75% o aforo nos comercios, reunións profesionais, actividades culturais ou académicas, naqueles municipios que se atopen en niveis de restrición medio e medio-baixo.
- As persoas usuarias de residencias de maiores, poderán saír todos os días ata un máximo de catro horas, tamén aplicable para os casos de concellos en niveis medio e medio-baixo.
Dende o Concello de Boqueixón lembran á veciñanza a importancia de seguir mantendo todas as medidas básicas de seguridade e prevención (uso de máscara, distancia mínima interpersoal e hixiene de mans) para evitar posibles contaxios.