Logo de varios meses pechado, o ximnasio municipal de Boqueixón reabrirá as súas portas a principios do mes de xuño. Así, a sala de musculación estará de novo á disposición da veciñanza, cumprindo sempre co as medidas de seguridade e prevención fronte a expansión da COVID-19.
Precisamente para cumprir todos os protocolos, implantarase “un sistema de control de aforo e de reserva previa para poder manter as medidas de seguridade exixidas polas autoridades sanitarias, así mesmo dentro da instalación seguirán a manterse o uso da máscara, distancia de seguridade e calquera outra medida de hixiene necesarias nestes momentos. Ao longo dos vindeiros días informarase ás persoas usuarias dos procedementos para efectuar a reserva para o acceso a instalación e os protocolos para poder desenvolver a práctica de actividade física de xeito seguro”, concretan dende o Departamento de Deportes do Concello de Boqueixón.
As persoas interesadas en utilizar este servizo, deberán cumprimentar a correspondente ficha de inscrición (dispoñible no arquivo anexo ou premendo aquí) e presentala por rexistro (ben a través da sede electrónica ou ben de xeito presencial, con cita previa). O documento pódese tamén solicitar a través de enderezo electrónico deportes@boqueixon.gal.
Modificacións nas instalacións e clases
Dende o Departamento de Deportes explican tamén que, co fin de adaptarse á normativa de prevención fronte á COVID-19, se levarán a cabo unha serie de modificacións nestas instalacións. Así, a única aula que se utilizará para actividades dirixidas será a Sala 1 e, en caso de superpoñerse actividades, utilizaríase a pista de pádel. As máquinas de cardio trasladaranse á Sala 2 (sala dos espellos) para poder garantir a distancia de seguridade entre usuarios e usuarias.
Os distintos grupos de clases dirixidas contarán cun máximo de 6 persoas en interior, e de 10 en exterior. Continuarase coas actividades das Escolas Deportivas municipais durante o verán, sempre que haxe grupos mínimos nas diferentes disciplinas.
Procederase á progresiva instauración das novas clases no ximnasio municipal para ir coñecendo outras alternativas. Se houbese algún cambio a maiores, comunicarase ás persoas usuarias do xeito máis directo e breve posible.
Dende o Departamento de Deportes de Boqueixón agardan que estas novas medidas redunden “na mellora do uso e desfrute das instalacións deportivas do Concello”.
Adxuntos
- FICHA INSCRIPCIÓN XIMNASIO MUNICIPAL (195 kB)