A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado vén de convocar a Campaña de verán 2021 cun programa de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do lecer e o tempo libre. Este programa está dirixido á mocidade residente en Galicia.
A continuación, detállanse os requisitos, a oferta de prazas e solicitudes a realizar que tamén se poden consultar na web http://xuventude.xunta.es/.
Requisitos:
– Idade mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2021:
As persoas nacidas no ano 2003 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
As persoas nacidas no ano 2012 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.
– Para ser admitido/a no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio nin sintomatoloxía compatible co COVID-19.
– Saber nadar para os campamentos que inclúan na súa programación actividades de auga.
– Ningunha persoa participante poderá ser admitida en máis dun campamento por ano. A praza adxudicada será intransferible.
Prazas de inclusión: As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán participar nesta convocatoria cumprindo os seguintes requisitos:
a) Facer constar a súa condición na solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios, se os precisar.
b) Que no certificado de recoñecemento de discapacidade non se recolla a necesidade de axuda de terceira persoa.
c) Ter capacidade de integración nun grupo e que as súas limitacións e/ou necesidades especiais lles permitan participar e beneficiarse das actividades que se van desenvolver no destino que soliciten.
En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar. Neste suposto, a persoa menor con discapacidade non poderá participar nas actividades de auga.
As persoas menores en situación de tutela ou garda pola Administración e que se atopen en acollemento residencial poderán participar nesta convocatoria e deberán indicar esta condición no anexo de solicitude, marcando o recadro correspondente.
Tipos de solicitude:
As solicitudes poderán presentarse de forma individual ou múltiple
– As persoas que presenten unha solicitude individual de prazas deben utilizar o formulario BS303A
– As persoas con discapacidade que opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión deben utilizar o formulario BS303G
– As persoas que presenten unha solicitude múltiple deben empregar o formulario BS303F
– As persoas con discapacidade que presenten unha solicitude múltiple para prazas reservadas para inclusión deben utilizar o formulario BS303H
A solicitude múltiple admitirase para o suposto de dous/dúas, tres e ata catro irmáns/ás. As persoas menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar tamén se poderán incluír na solicitude múltiple, equiparándose a súa situación a dos/as irmáns/as.
Oferta de prazas tanto para inclusión como prazas xerais: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran/anexos-accion-de-veran
Descontos:
As familias numerosas e familias monoparentais terán un desconto do 50 %
As persoas usuarias do Carné xove gozarán dun desconto do 25 %
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de maio de 2021
Máis información no DOG do 19 de maio de 2021 e en http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran