O Concello de Boqueixón suma unha nova centenaria no seu censo. Veciña do lugar de Castro, na parroquia de Oural, Rosa Lareo Lareo recibiu esta semana a visita do alcalde, Manuel Fernández Munín, e da concelleira de Educación, Marta Copons Neira, que lle entregaron un ramo de rosas e unha tarta moi especial para celebrar esta data tan sinalada.
Rosa Lareo Lareo naceu en Castro e dende hai 100 anos permanece aquí. Xunto co seu marido Ramón –que faleceu hai 12 anos- tivo 6 fillos e agora goza do agarimo de 13 netos e netas e 9 bisnetos e bisnetas.
Traballou toda a vida no campo, levando a cabo as tarefas diarias ata case os 80 anos, idade na que decidiu deixalo. Na actualidade, encántalle ler revistas e, sobre todo, xogar á brisca coa súa familia e amizades.
Aínda que o aniversario foi o martes, a celebración tivo lugar a pasada fin de semana. Rosa Lareo tivo a oportunidade de encontrarse co a súa familia, que se foi achegando á súa casa por grupos reducidos co fin de respectar a normativa de prevención contra a COVID-19. Unha das súas fillas, que se atopa fóra, felicitouna a través dunha videochamada.
Para ela, é todo un orgullo chegar a esta idade na compañía das persoas que quere. Agradeceu moito a visita e os agasallos que se lle entregaron de parte do Concello de Boqueixón, gozando dunha tarde de entrañables encontros.