O xurado vén de facer público o fallo do VII Certame de relato curto Xosé Neira Vilas. O concurso literario dirixido a escolares de Educación Primaria e Secundaria do municipio de Boqueixón contou cun total de 52 traballos presentados.
O xurado estivo composto por Manuel Vilaboa Cebreiro, profesor de Lingua e Literatura galega no CPIP Antonio Orza Couto; Mª Rosario Golmar Saavedra, integrante do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas; Xosé Manuel Lobato Martínez, presidente da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio (Boqueixón), e Rosario Iglesias Iglesias, técnica municipal de Cultura. Dende o Concello agradecen o apoio e colaboración das distintas entidades no desenvolvemento desta iniciativa do fomento da creatividade literaria.
Os relatos foron valorados baixo “os criterios de coherencia na estrutura do relato, creatividade, riqueza léxica e presentación”. Dende o xurado indican que, se ben se rexistrou unha moderada participación nas dúas primeiras seccións, “o ditame resultou complicado, sobre todo no que respecta a varios textos da última categoría”. Neste senso, valoraron moi positivamente o nivel dos escritos presentados a este concurso.
O certame establece tres categorías: 3º e 4º de Educación Primaria; 5º e 6º de EP, e Secundaria. Cada unha delas con tres galardóns: o primeiro posto recibirá un vale de 125 € en material escolar; o segundo, 100 €, e o terceiro, 75 €. Todos/as os/as gañadores/as recibirán, ademais, cadanseu diploma e o libro compilador editado cos 9 traballos seleccionados.
Segundo se concreta no fallo do xurado, os/as premiados/as, por unanimidade, son os/as seguintes:
1ª categoría: 3º- 4º de Educación Primaria
- 1º premio: A nena moura, de Nerea Rendo Sánchez
- 2º premio: Xela e Fidalgo, de Carolina Fernández Chas
- 3º premio: Ximena e a serpe máxica, de Diana Neira Varela
2ª categoría: 5º – 6º de Educación Primaria
- 1º premio: Un soño cumprido de Simón Rouco González
- 2º premio: A viaxe do descubrimento de Mario Devesa Collazo
- 3º premio: O polbo futbolista e defensor do mar, de Lucía Sánchez Raviña
3ª categoría: Educación Secundaria
- 1º premio: O caderno de Pitágoras, de Candela Suárez Méndez
- 2º premio: A porta á felicidade, de Noa Méndez Picallo
- 3º premio: O legado, de Carlota Romay Soutullo
Festival das Letras Galegas
A entrega de premios terá lugar este domingo 16 de maio, dentro da programación do Festival das Letras Galegas. A cita desenvolverase na Casa da Cultura de Camporrapado (trasladouse a este espazo por mor da previsión de choiva) a partires das 12.00 horas.
A asistencia é de balde, previa inscrición antes do 14 de maio a través do enderezo electrónico cultura@boqueixon.gal ou no teléfono 981 513 115. Dende o Concello animan á veciñanza a sumarse a esta celebración do Día das Letras Galegas.
Ademais dos galardóns do certame literario, o festival contará co espectáculo teatral e musical para público familiar A mestra da lingua. Unha sesión que correrá a cargo de Duende Sico.
O programa cultural complementarase con diverso tipo de actividades de animación e promoción da lingua galega. Entre elas, destacará a presenza de Elisa Barreiro, que recitará a Xosé Neira Vilas, Fillo Adoptivo do Concello de Boqueixón.