Un total de 70 estudantes do CPIP Antonio Orza Couto participaron nunha nova edición das xornadas de Primeiros Auxilios impartidas polo Departamento de Deportes do Concello de Boqueixón. Esta iniciativa desenvólvese de xeito anual, en colaboración co Departamento de Educación Física do centro escolar, a través da profesora María Paz Gago.
“Trátase duns coñecementos de carácter transversal no currículo do alumnado, pero de moito valor na vida cotiá. É por iso que esta formación específica se desenvolve de xeito anual”, explican dende o Departamento de Deportes municipal. Esta formación tamén se estende ás distintas asociacións deportivas do municipio boqueixonés. A formación tamén se reforza con sesións específicas sobre o uso do desfibrilador (DESA), xa que dispón dun modelo de adestramento deste tipo de aparellos.
As distintas sesións desenvolvéronse no ximnasio municipal de O Forte, coincidindo coa clase de Educación Física. O alumnado dividiuse en grupos co fin de respectar todas as medidas de seguridade e prevención contra a expansión da COVID-19.
Nos 50 minutos de duración da actividade formativa ofrecéronse coñecementos tanto teóricos como prácticos. Así, na primeira parte da sesión, o técnico deportivo do Concello de Boqueixón, Ricardo Romero, explicou o protocolo PAS (Protexer-Avisar-Socorrer) dun xeito máis conceptual, detallando “como activalo ante un accidente e como é o funcionamento do Centro de Emerxencia Sanitaria (112)”.
Xa na parte práctica, a mocidade asistente aprendeu o xeito de realizar correctamente a manobra fronte-queixo ante unha persoa inconsciente e os pasos a seguir para colocar á vítima na posición lateral de seguridade. A parte práctica complementouse cos coñecementos sobre procedemento axeitado para realizar unha masaxe cardíaca (Reanimación Cardio-Pulmonar) e, por último, a manobra de Heimlich, no caso de un atragoamento con obstrución das vías respiratorias.
Esta iniciativa suscitou moito interese entre o alumnado participante. “Foron moi proactivos/as e plantexaron moitas preguntas en cada un dos apartados, sobre todo, no tocante a como facer ben a RCP”, explica Ricardo Romero.
O técnico deportivo municipal indicou, ademais, que “dada a boa acollida, estase valorando a posibilidade de organizar máis adiante algunha sesión máis en formato máis práctico. Deste xeito, a formación plantexaríase cunha situación de xogo de rol, tipo simulacro, ante un caso concreto para ver como responden os rapaces e as rapazas participantes”.